A Asociación renova a súa imaxe

Durante o acto de presentación da tempada 2018/19, que tivo lugar en Compostela o pasado sábado 15 de setembro, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico deu a coñecer a que será a nova imaxe corporativa da entidade. O cambio é notable e ambicioso, actualizando a imaxe aos nosos tempos, tendo o seu máximo expoñente no completo redeseño do logotipo, rompendo co existente dende a súa fundación en 2013.

Ao longo das vindeiras semanas, a Asociación irá modificando os diferentes recursos públicos dos que dispón (páxina web, redes sociais, correos electrónicos…) para adaptarse a esta nova imaxe.

A directiva explica o cambio:

“Gaélico Galego” é unha denominación xa asentada no panorama deportivo en Galicia, empregada dende a súa orixe, e que fai referencia unívoca a tódalas competicións de fútbol gaélico en territorio galego.

Sobre esta idea xurde o deseño da nova imaxe:

  • A espiral. Sempre en crecemento, en continua expansión. Un símbolo celta, gaélico e universal.
  • Dous pobos, un único mar. As cores nacionais unidas por unha paixón compartida en ámbalas beiras do Atlántico.
  • Unha G galega é unha G gaélica. G como letra máis senlleira da nosa cultura, en tipografía tradicional.
  • O balón, o elemento chave, que todo o encerra no xogo, pero aberto e accesible a todo o mundo.