Fútbol gaélico cadete no Campionato Ibérico (A Coruña)

O Campionato Ibérico é o torneo que reúne a equipos de toda a Península Ibérica. O pasado sábado 26 de maio celebrouse a 14ª edición nos campos da Torre de Hércules en A Coruña, por segundo ano consecutivo.

O evento foi un rotundo éxito, no que participaron un total de 23 equipos e 300 xogadoras e xogadores, desputándose un total de 46 partidos. Finalmente, Fillas de Breogán e Madrid Harps alzáronse coa victoria na categoría feminina e masculina respectivamente, impóndose ao Estrela Vermelha en sendas finais, o que deixa  patente o excelente estado de saúde do gaélico galego. Estes títulos supoñen ademáis o 3º e 5º título consecutivo.

Sen embargo, para a Asociación Galega de Fútbol Gaélico a gran nota do día estivo nos 26 rapaces e rapazas que se desprazaron ata os campos da Torre, a maioría deles provintes do IES do Barral (Ponteareas) e do IES Macías o Namorado (Padrón) con idades comprendidas entre os 14 e 17 anos. Estes rapaces forman parte do programa de fútbol gaélico base que se está a promover dende a nosa Asociación e que se complementa co traballo que se leva a cabo noutros lugares da nosa xeografía, como son O Grove, Ourense, Compostela, A Coruña ou A Estrada. Este programa está financiado pola DFTA e a GAA.

A través deste programa, varios formadores desprazáronse a diferentes colexios e institutos impartindo sesións de iniciación e adestramentos de fútbol gaélico a nenos. Os asistentes ao Campionato Ibérico levaban xa varios meses adestrando.

Tras un quecemento inicial, onde se refrescaron varios coñecementos do noso deporte, tivo lugar o primeiro partido cadete oficial de fútbol gaélico, dentro do Campionato Ibérico. David Gough, un dos mellores árbitros do mundo e toda unha eminencia en Irlanda, foi o encargado de dirixir o encontro, unha experiencia que seguro que os rapaces non esquecerán.

Ao final do torneo, todos os participantes desta actividade foron agasallados cunha medalla conmemorativa.

« de 2 »