Dobrete vermello na Copa

Resultados completos e clasificación final da Copa Galega 2018.

O estadio lalinense Manuel Anxo Cortizo foi testigo dunha intensa tarde de fútbol gaélico, coa celebración da Final Senior da Copa Galega de fútbol gaélico 2018, que enfrontaba os mellores catro equipos galegos, que superaron os seus respectivos cruces de cuartos de final. O compostelán Estrela Vermelha foi o gran triunfador, xa que logrou alzarse cos títulos masculino e feminino.

As picheleiras abriron a tarde medíndose en semifinais ás vixentes campioas e recén coronadas campioas de Liga, as Fillas de Breogán, ás que superaron por 5-12 (27) a 3-09 (18) tras un gran primeira parte. Pola outra parte do cadro, o equipo local, Herdeiras de Dhais, lograba imporse tras un final emocioante a Auriense por 1-16 (19) a 2-09 (15). A final foi un choque de forzas entre as dezanas e as picheleiras, decantándose pola mínima para as Herdeiras ao final da primeira parte. Sen embargo, o Estrela Vermelha culminou a remontada e, cun equipo local volcado no ataque, sentenciou o partido cun 2-10 (16) a 1-05 (8). Fillas de Breogán acabou en terceira posición tras imporse ás ourensás.

O campionato masculino transcorreu de xeito intercalado ao feminino. Tras as semifináis femininas, Braithreachas e Estrela Vermelha disutaban a primeira semifinal masculina, caendo do lado dos segundos por 1-03 (6) a 2-09 (15). Acto seguido deu comezo o partido que enfrontaba aos Irmandinhos contra os Fillos de Breogán, nun deses partidos que crean afición. Os coruñeses foron ao descanso cunha cómoda vantaxe tras firmar unha excepcional primeira parte. A pesar da igualada de forzas que supoxo a segunda parte, os estradenses non puideron darlle a volta ao marcador, que acabou nun 1-03 (6) a 2-09 (15). A final transcorrería dun xeito similara este partido, cunha primeira parte dos composteláns para enmarcar, na que o equipo ártabro quizáis pagou o esforzo da semifinal, que finalmente se resolvería por un 2-09 (15) a 1-04 (7). O derbi estradense polo 3º posto caeu do lado dos Irmandinhos.

 

Copa Shield

Unha semana antes, o sábado 5 de maio no campo das Cancelas en Compostela, celebrouse a Final Shield da Copa Galega, que enfrontaba a aqueles equipos que caeran derrotados nos cuartos de final: Irmandinhas, Keltoi, Pontevedra e Ártabras no cadro feminino e Ártabros, Herdeiros de Dhais, Cambados e Keltoi no masculino. Finalmente, Ártabros non puido presentarse á competición por mor das baixas e foi substituído por Auriense, que caera nos oitavos de final.

Á final feminina accederon as dúas favoritas do torneo, Irmandinhas e Pontevedra, tras imporse a Keltoi (44-3) e Ártabras respectivamente (45-10). O choque de forzas foi extremadamente igualado, cun derroche físico excepcional. Estanto 3 puntos por debaixo, na última xogada do partido, o Pontevedra acada un gol que leva a final á tanda de penalties (26-26). Dende a lotería dos 11 metros, o título caeu do lado irmandinho. Pola súa parte, Ártabras acadou o 3º posto.

No cadro masculino, Keltoi lograría un posto na final tras vencer ao Cambados pola mínima nun partido agónico (9-10), mentres que os Herdeiros, grandes favoritos da tarde, facían patente a súa superioridade fronte Auriense (9-30). Para sopresa dalgúns, a final comezou co equipo do Deza contra as cordas, dominando o Keltoi boa parte do primeiro tempo. Sen embargo, Herdeiros tirou de veteranía  e recuperou o terreo perdido para acabar impóndose 19-13. Auriense acabaría terceiro.