Fillas e Irmandinhos repiten coroa ligueira

A poucos días de rematar a competición, a Liga 17/18 xa ten “novos” campións de xeito matemático.

O pasado 24 de marzo, os Irmandinhos da Estrada lograban imporse na casa ao Estrela Vermelha por un axustado 2-14 (20) – 3-10 (19), segundo na clasificación xeral, no que foi o derradeiro partido da competición para ambos. Este partido debía xogarse o 10 de marzo, pero tivo que ser aprazado por mor do temporal. Desta forma, Irmandinhos acada a súa segunda coroa consecutiva en Liga.

Pola súa parte, as Fillas de Breogán lograron imporse ás Herdeiras de Dhais por 6-22 (40) – 4-06 (18) o pasado sábado 7 de abril na Torre. Cun partido aínda por disputar contra as Irmandinhas, esta victoria supón a conquista de forma matemática da Liga 17/18 para as herculinas, a terceira de forma consecutiva.

Parabéns a tod@s!

Con aínda algúns partidos adiados pendentes de disputa, este sábado dará comezo a Copa Galega coa frase previa masculina, na que Irmandinhos, Dorna, Estrela Vermelha e Auriense pelearán por dúas prazas nos cuartos de final (o resto de equipos están clasificados por sorteo aleatorio).