Crónica da xornada 25

Estrela Vermelha FG – Herdeiras de Dhais FG

O sábado 13 desputábase no campo das Cancelas o partido correspondente da primeira parte da táboa entre as veteranas rapazas do Estrela Vermelha e as novatas da liga, as Herdeiras de Dhais.

Baixo unha chuvia demencial, que facía impracticable o bote do balón e obrigaba a un xogo lento, as locais ofreceron unha distribución pouco usual que lles ía pasar factura ao longo da primeira parte. As de Pablo da Silva tentaron ofrecer un xogo distinto ao habitual que non obtivo os resultados esperados ante unhas Herdeiras que impuxeron un xogo moi duro dende o primeiro intre.

As de Lalín lograron desorganizar o plantel compostelá dende os primeiros minutos acadando unha contundente vantaxe ao final do primeiro tempo.

Durante a segunda metade, as do Estrela recompuxéronse e chegaron con máis tino á portería das pupilas de Santi pero a distancia era demasiada e non poideron acurtar distancias xa que as dianteiras de Lalín amosáronse imparables.

Remataba o partido cun claro Estrela Vermelha F.G. 5-08 (23) / 6-23 (41) Herdeiros De Dhais F.G.

 

 

Mecos FG – Cambados Gaélico

O pasado sábado 13 de maio disputouse o partido correspondente á Segunda división da Liga Galega de Fútbol Gaélico masculina entre o Mecos F.G. Ogrobe e o Cambados F.G. no campo municipal Monte da Vila con vitoria meca por un tanteo de Mecos FG 3-13 (22) / 2-06 (12) Cambados Gaélico colocando ao equipo do Grove como líder.

Aveciñábase unha primeira metade intensa, cun xogo moi físico. Destacou o xogo vertical do Cambados F.G. que tentou sorprender aos locais con rápidos contragolpes; pola súa banda, o Mecos F.G. plantexou un ritmo de xogo lento, con moito pase e toque de balón.

Os do Grove e os de Cambados presentaron batalla cunha primeira fase do partido na que os visitantes se puxeron por diante pero os mecos foron quen de acurtar esa vantaxe de dous puntos dándolle a volta e marchándose aos vestiarios con sete tantos de vantaxe.

A segunda metade caracterizouse pola aposta meca de manter as diferenzas no marcador. Os acertos dos cambadeses eran contrarrestados polos locais rapidamente para que o marcador non dese sorpresas.

Este resultado, xunto ca vitoria do Auriense F.G. fronte ó Dorna F.G. da Illa de Arousa, fai que a falta dunha xornada, o Mecos F.G. sexa matemáticamente campión da segunda división da liga galega de fútbol gaélico. Parabéns!

 

Keltoi Vigo – Auriense FG / Keltoi Vigo – Braithreachas

Encontro feminino

Ás 10:30 da mañá do sábado, disputábase o partido da Segunda feminina entre o Keltoi F.G. e o Auriense F.G., o que sería o último da Liga nesta tempada para o equipo da cidade das Burgas.
O partido transcorreu de xeito lineal no seu conxunto, con dominio visitante e un gran acerto por paos na primeira metade, sendo chamativa a escaseza de goles neste primeiro acto, pois chegaron case na súa totalidade tralo tempo de lecer.
Nunha segunda parte na que as do Keltoi non tiveron moitas incursións na área rival, as ourensás mantiñan o seu acerto a paus e unha boa defensa, aumentando así a súa conta, ata finalizar cun tanteo Keltoi Vigo 1-11 (14) / 4-25 (37) Auriense F.G. (2ªF)

Encontro masculino

Posteriormente ao partido disputado polas rapazas, enfrontáronse os rapaces contra o Baithreachas de A estrada. Nos primeiros compases do partido, cunha alta intensidade por ambas partes, mantivose o marcador con moita igualdade, dando paso posteriormente, a un maior acerto do equipo local, aumentando a diferencia co seu rival.

O resultado final foi de Keltoi Vigo 2-17 (23) / 1-12 (15) Braithreachas (2ªM), quedando así a victoria na casa, para os rapaces do Keltoi F.G.

 

 

Pontevedra FG – Irmandinhas A Estrada

Encontro desputadísimo ata o último momento, no que as locais adacarían a victoria por unha diferencia mínima, tan só de 4 tantos.

O partido entre o Pontevedra F.G. e as Irmandinhas de A estrada, demostraría a alta competitividade entre as primeiras posicións da táboa feminina. As visitantes porían contra as cordas a un Pontevedra que rematou a primeira metade por debaixo no marcador.
O alto acerto das estradenses obrigaría ás gloriosas a incrementar o seu nivel de intensidade e botar o resto para finalizar o partido por diante, cun resultado de Pontevedra Fútbol Gaélico 7-15 (36) / 8-08 (32) Irmandinhos A Estrada (1ªF).

 

 

Auriense FG – Dorna FG

O partido contra Dorna FG era un todo ou nada, o gañador sería o conxunto que tería o privilexio de acadar o ascenso directo. Ambos equipos tíñanno claro e a metereoloxía acompañou, cun día perfecto para a práctica do fútbol gaélico. A igualdade foi o sino do partido, con tantos sempre con resposta, sobre todo na primeira metade.

As defensas impuxéronse os ataques nun primeiro acto que rematou cun 9-7 para o equipo local. O marcador ao descanso non desanimaría aos da Illa, que mantiveron unha alta tensión competitiva en cada lance do partido.

Sen embargo, sería nos minutos finais cando o Auriense imprimiría un punto máis de intensidade, aumentando a súa vantaxe sobre o Dorna, acadando un resultado final  Auriense F.G. 1-19 (22) / 0-11 (11) Dorna FG (2ªM) e certificando o seu ascenso directamente á Primeira División.