Crónica xornada 21

Crónica dos partidos da xornada 21 (25-26 de marzo).

Cambados Gaélico – Dorna FG

Bo partido o disputado este sábado ás 16h na capital do Albariño entre o Cambados e o Dorna. O Cambados, despois das últimas victorias conseguidas viña coa ilusión de poñerlle as cousas difíciles ao Dorna e, tras un primer tempo bastante igualado, emerxeu a figura de Barry Lynch comandando o seu equipo. Barry anotou 20 puntos para este partido, algo totalmente imposible de contrarrestar por parte do Cambados. Ao final, o encontro caía do lado do Dorna con un resultado de 0-8(8) / 7-16(37) para o Dorna.

Pese a todo, foi un encontro vibrante que terminou con un bó tercer tempo entre ambos equipos.

Máis info: @cambadosgaelico

 

 

Ártabras de Oleiros – Auriense FG

As Ártabras recibiron, o pasado sábado cara as 16:30 no Campo Municipal de Curtis Luis Vázquez, á escadra das líderes da segunda división da Liga Galega de Fútbol Gaélico, as rapazas do Auriense FG, que se impuxeron pola súa constancia e paciencia. Durante os primeiros minutos do encontro foron as Ártabras as que levaron a iniciativa, con acerto e con ganas. Co paso dos minutos, as ourensás comezaron a sentirse cómodas e e puideron abrir unha fenda no marcador polo seu acerto no tiro a gol. O marcador final, Ártabras 9-11 (38) / 11-24 (57) Auriense FG foi máis amplo do que a priori semellaba no inicio do partido.

Máis info: fillosdebreogan.com

 

Ártabros de Oleiros – Irmandinhos da Estrada

Logo das rapazas, chegaba o turno dos corvos das mariñas. Nada tivo que ver o partido dos Ártabros fronte aos Irmandinhos co da primeira volta. Desta vez, os Irmandinhos tiveron que se esforzar para levar a vitoria por un Ártabros 2-6 (12) / 9-20(47) para os estradenses.

As últimas incorporacións dos Ártabros, estáse a notar nos últimos encontros. O 11 mariñán estivo ben asentado no campo e mantendo as marcas, agás contadas excepcións que, claro está, foron aproveitadas polos Irmandinhos para abriren distancia no marcador.

Con todo, os Ártabros, á diferenza do que acontecía nos primeiros partidos de liga, non perderon a cara ao partido grazas ao xogo a man e a rapidez de Costa e Iaguito na dianteira.

Máis info: fillosdebreogan.com

 

Estrela Vermelha – Pontevedra

Afectado por unha iniciativa do clube local de realizar unha xornada de portas abertas e expandir o fútbol gaélico na comarca, os partidos entre o Estrela Vermelha e Pontevedra tiveron que desputarse en días diferentes. O sábado contra as 7 da tarde xogouse o encontro feminino no campo da Cañoteira, no concello veciño de Teo e que volvía ver por primeira vez un partido de fútbol gaélico dende o pasado 2015, cando foi sede da II Copa Galega. As visitantes comezaron con moita intensidade, aprobeitando os desaxustes provocados polas baixas en defensa das locais e realizando numerosos tiros a paus e a gol. Tan só a falta de acerto evitou que a brecha fose maior. Sen embargo, segundo se achegaba o descanso, as estreleiras fóronse recuperando do golpe e comezaron a reducir a distancia pouco a pouco. A segunda parte seguiría polos mesmos derroteiros, ata que un gol a falta de escasos segundos puña ao equipo local  a tan só 1 punto da remontada. Unha boa defensa das pontevedresas impediu tal e o encontro finalizou cun resultado de 5-12 (27) / 4-16 (28).

O día seguinte, tamén ás 7 da tarde pero no compostelán Campo das Cancelas, tivo lugar o encontro masculino. Ao igual que ao conxunto feminino, o Pontevedra comezou o encontro con moita intensidade e cun tempraneiro gol liderou nos primeiros minutos. Sen embargo, a resposta dos locais non se fixo esperar e en poucos minutos deulle a volta ao marcador, a pesar da gran defensa visitante, salvando varios goles. Os equipos retirarianse aos vestiaros cun parcial de 9-4. Na segunda parte, os estreleiros melloraron no xogo combinativo ante uns pontevedreses que comezaban a acusar o desgaste físico nos primeiros 30 minutos. Finalmente, o encontro rematou cun resultado de 3-14 (23) / 1-06 (9).

Máis info: facebook.com/estrela.vermelha.71

 

Herdeir@s de Dhais – Fill@s de Breogán

Encontro feminino

As Fillas de Breogán solventaron un partido contra unhas das maiores rivais nesta liga 16/17. O partido presentábase complicado para ambas escadras polas importantísimas baixas que sufrían esta xornada. Non obstante, as breoganeiras construíron un encontro moi ordenado. Dende a absoluta seguridade, as coruñesas, foron abrindo unha fenda no marcador ata chegar ao descanso cunha sólida vantaxe de 7-29. A segunda metade do partido seguiu a mesma tónica da primeira e acadando na final do encontro un marcador de Herdeiras 1-08 (11) / 11-27 (60) para Fillas.

Encontro masculino

O partido masculino foi outro conto. O impetuoso conxunto lalinense formulou un partido duro e moi loitado ante un equipo coruñés con baixas importantes. Os Herdeiros levaron a iniciativa durante boa parte do encontro. Non obstante, na segunda metade do partido, o bo facer dos Pedro Villarino deron os seus froitos, acadando un resultado no asubío final de 3-13 (22) / 5-13 (28) para os Fillos.

 

Mecos FG – Auriense FG

O domingo pola tarde daba comezo o partido entre os equipos meco e auriense, onde estaban en xogo as opcións de ascenso directo por parte de ambos clubes.

A primeira metade tivo dous claras fases: a primeira de dominio do conxunto local, na que o acerto goleador e o aproveitamento dos erros do equipo visitante foron suficientes para que os locais acadaran unha vantaxe relativamente cómoda e a segunda, onde o Auriense  conseguiu acurtar diferencias e frear o acerto do conxunto do Grove. O marcador no tempo de lecer reflexaba un 17-11 a prol dos Mecos.

A segunda metade reflexou, ata os primeiros 10 minutos, a igualdade entre ambos equipos, cun tanteo de 22-18 para Mecos. A medida que avanzaba o encontro, a diferencia foise ampliando de xeito irremediable. Dous penaltis e un acerto impecable por porta sentenciaron o marcador para o conxunto local, deixando o marcador final en 8-10 (34) / 2-12 (18).