Crónica xornada 17

ÁRTABROS DE OLEIROS – ESTRELA VERMELHA

Nunca un tópico deportivo ficou tan ben representado como o que aconteceu o pasado sábado na Cidade Deportiva da Torre: o contundente marcador non reflicte o que sucedeu no terreo de xogo, Ártabros 1-03 (6) / 12-20 (56) Estrela Vermelha.

Os corvos das Mariñas notaron e moito as novas incorporacións, Costa e Yago, que deron velocidade no ataque e serviron para apuntalar a media. De feito, os primeiros 20 minutos de partido foron os mellores no que vai de Liga dos Ártabros de Oleiros, onde a fortaleza defensiva se correspondía con maior velocidade e verticalidade en ataque, aproveitando a rapidez de Costa. Así é todo, en fronte estaban os vixentes campións da Liga Galega de Fútbol Gaélico e eternos aspirantes ao título, que souberon cociñar o partido a lume lento e aproveitar o desgaste dos corvos, algo que chegou nos últimos minutos do primeiro acto, cando se acadou un 4-21, moi alto para o que se veu no terreo de xogo.

Na segunda parte, os composteláns souberon xogar co marcador e aproveitar a desorde táctica que comezou imperar nas ringleiras artabreiras, con contras veloces e certeiras, até colocaren o definitivo 1-03 (6) / 12-20 (56) do marcador.

Máis info: fillosdebreogan.com

 

IRMANDINHAS – AURIENSE

As Irmandinhas recibían a visita do Auriense F.G. na xornada matinal do sábado coa intención de certificar a clasificación á parte noble da clasificación de cara a segunda volta. Era un partido importante, e as ganas de ámbalas dúas equipas por obter un resultado positivo reflexáronse no xogo, por ocasións trabado e con imprecisións. O enchoupado terreo de xogo non axudou demasiado, pois obrigaba a unha precisión extra á hora do bote e un perigo constante para as dúas porteiras.

A primeira metade comezou con moita igualdade, mais as locais conseguían ter un acerto que ao final do partido resultaría decisivo, chegando nos inicios do encontro a gañar por 6-2. Moitas imprecisións e xogo trabado farían que o tanteo se mantivese baixo ao descanso, cunha diferencia de 4 tantos a prol da equipa local, co que se prevía unha segunda metade igualada.

A segunda metade respondeu ao guión establecido no tempo de lecer. As ourensanas sairon con ganas de remontada e reflectiuse no marcador cando no tanteo se situaron a tan só 2 puntos da equipa estradense. A falta de acerto á hora de definir arriba fixo que non se conquerise a remontada, mais cabe dicir que as locais tamén tiveron as súas, que si aproveitaron no tramo final de partido cun gol e dous tiros a paos que fixeron moito dano, co Auriense volcado na procura dun gol que as achegara no marcador. O resultado final foi Irmandinhas 2-11 (17) / 1-07 (10) Auriense F.G.

Máis info: irmandinhos.com

 

HERDEIR@S DE DHAIS – PONTEVEDRA

Cambio de escenario dos dezanos para recibir ao Pontevedra F.G., rival directo a estas alturas da competición en ambas modalidades, feminina e masculina. No fin de semana máis saturado de Lalín, por mor da festa do cocido, a acción trasladábase á parroquia veciña de Rodeiro.

Ás 14:30 daba comezo o partido da categoría feminina, enfrontando as pontevedresas, claras candidatas ao título dende o principio da tempada, ás Herdeiras de Dhais, sen dúbida o equipo rebelación da tempada. Sendo o seu primeiro ano na competición, só concederon unha derrota ante as actuais líderes, as Fillas de Breogán. O Pontevedra exerceu unha férrea defensa sobre as de Lalín, que non tiveron a soltura en ataque doutras ocasións. Aínda así loitaron e lograron empatar o partido cun gol de Nercellas nos intres finais, pero un gol do Pontevedra case sobre o pitido final rematou coas esperanzas das locais de acadar a victoria. Aínda que inicialmente se marcara un empate a 29, tras a posterior revisión da acta, un erro na anotación dos goles deixaba o resultado final en Herdeiras de Dhais 4-14 (26) / 4-17 (29) Pontevedra.

Xusto depois tivo lugar o encontro masculino, no que os dous equipos loitan, a priori, por asegurar unha praza en primeira división sen caer na pelexa pola promoción. Decimos a priori, xa que os dezanos conseguiron hai unha semana unha inesperada victoria ante o actual campeón, Estrela Vermelha, o cal demostra que nesta liga non hai nada escrito. Os locais tampouco fixeron o seu mellor partido, pero aínda así acadaron a victoria por un tamén axustado 3-12 (21) / 2-12 (18). A choiva estivo presente durante todo o partido dificultando o xogo. O equipo local partía coa importante baixa por sanción de Brandi, un dos artilleiros do equipo, o cal mermou ao equipo local en efectividade anotadora. Foi un partido igualado dende o principio, con goles e puntos a paus alternados por parte de ambos equipos. Ao final os Herdeiros lograron manter unha pequena ventaxa sobre os seus rivais e a victoria quedou na casa, logrando así afianzarse no cuarto posto da 1ª división da Liga Galega de Fútbol Gaélico.

Máis info: facebook.com/Herdeiros-De-Dhais-FG-764554916986214

 

TERRAS DO EUME – DORNA

Contundente victoria do equipo da Illa de Arousa ante o farolillo vermello da segunda división masculina, demostrando a súa intención de imporse no máis alto da clasificación. O resultado final foi de 1-06 (9) / 8-18 (42).

Máis info: facebook.com/terrasdoeumefg

BRAITHREACHAS – CAMBADOS / IRMANDINHOS – FILLOS DE BREOGÁN

Os Braithreachas acadaron a súa terceira victoria en Liga ante o Cambados, cunha contundente victoria que rematou cun resultado de 2-18 (24) / 0-02 (2).

Os Fillos de Breogán deixaron a súa imbatibilidade na súa viaxe á Estrada para desputaren o clásico do fútbol gaélico galego. A pesar de amosaren un xogo superior, ben definido, os breoganeiros foron incapaces de facerse cun encontro que os estradenses levaron ao seu terreo e souberon controlar grazas á súa efectividade nos tiros a paus e nos tiros de falta. A pesar de que os Irmandinhos dominaron o marcador durante os 60 minutos, non foi até o tramo final da segunda parte cando este rachou a favor dos estradenses, tras aproveitar os ocos en defensa que ofreceron uns Fillos lanzados ao ataque para remontaren o partido. O resultado deste vibrante encontro foi Irmandinhos 3-16 (25) / 2-12 (18) Fillos de Breogán. Para alén de deixaren os tres puntos na Estrada, os Fillos tamén cederon o liderado aos Irmandinhos grazas ao gol-average, aínda que contan cun partido xogado menos.

Máis info: irmandinhos.com

 

KELTOI VIGO – ESTRELA VERMELHA

Co 5º posto asegurado tras a victoria co seu rival directo, o Auriense F.G., as rapazas do Estrela Vermelha acudían a Vigo a desputar o que tería que ter sido o debut do equipo local nesta Liga, xa que se trataba dun partido correspondente á primeira xornada. Unha gran actuación da pichichi da competición, Vane con 9 puntos, así como de Ánxela, con 13 puntos, non puido ser contrarrestada polas viguesas. O partido rematou cun Keltoi Vigo 2-05 (11) / 7-23 (44) Estrela Vermelha.

Máis info: facebook.com/keltoivigo