Crónica da xornada 13

ÁRTABR@S – HERDEIR@S DE DHAIS

Os Herdeir@s de Dhais leváronse a Lalín dúas vitorias nos dous partidos que tiveron lugar o medio do sábado na Cidade Deportiva da Torre.

Os primeiros en abriren a xornada foron os equipos masculinos. Os Ártabros, cun só cambio, plantáronlle algo de cara a uns Herdeiros de Dhais co banco completo e con mellor forma. Os lalinenses saíron dispostos a solucionar o encontro pola vía rápida grazas a unha primeira parte onde amosaron a súa fortaleza defensiva, o poder da súa altura combinado ca fortuna cara á porta dos Ártabros. Logo do descanso, os lalinenses cederon terreo ante os Ártabros, que souberon combinar o balón. Con todo, os Herdeiros de Dhais non deixaron escapar o partido e xa no final, dous goles seguidos puxeron distancia no marcador: 0-06 (6) / 5-12 (27).

O marcador de hoxe no partido das Ártabras contra as Herdeiras de Dhais cumpre o tópico do engano: na teoría, o resultado final amosaría unha superioridade abafante das lalinenses sobre as Ártabras; mais na práctica, non foi tal. Non foi o partido das pupilas de Vaamonde e Bechler que puxeron moita máis paixón e forza que acerto. Non o tiveron fácil as Herdeiras para conseguiren a vitoria nun partido que se definiu polo seu acerto cara a portería ártabra, cun marcador final de 0-00 (0) / 0-25 (25) para as de Lalín.

Máis Info: fillosdebreogan.com

 

PONTEVEDRA FG – FILL@S DE BREOGÁN

Golpe na mesa dos Fillos e das Fillas de Breogán na súa visita ás terras pontevedresas con senllas vitorias que os colocan á fronte das clasificacións feminina e masculina da Liga Galega de Fútbol Gaélico.

Os primeiros en saltaren ao Campo da Lama foron os combinados masculinos. Dende os primeiros compases do encontro fíxose visible a superioridade do equipo dirixido por Pedro Villariño, que axiña se puxo por diante do marcador grazas ao acerto da dianteira inicial, Víctor e Vaamonde. Co vento a favor, o once breoganeiro dispúxose a facer o que mellor sabe: xogo a man, contundencia na defensa e no xogo en alto, pases longos buscando a rapidez dos dianteiros e constantes tiros a paus. A tónica continuou na segunda parte, rematando cun contundente 0-05 (5) / 8-22 (46).

Á unha da tarde daba comezo un dos partidos máis esperados da temporada: o duelo directo entre as dúas favoritas ao título da Liga Feminina, Pontevedra FG e Fillas de Breogán. As ata este día colíderes chegaban con baixas sensibles ao encontro. Ante unha defensa e unha portería ben cuberta por parte das locais, as Fillas de Breogán xogaron as súas cartas no tiro a paus. A arriscada aposta tivo o seu premio: punto a punto, as Fillas comezaron a abrir unha lixeira fenda no marcador que non abondaba para pechar o partido. A segunda parte seguiu polos mesmos derroteiros,cas visitantes incrementando a súa vantaxe. Cara o final do partido, dous goles das pontevedresas deixaban o marcador final en 4-11 (23) / 3-24 (33), deixando ás coruñesas como líderes en solitario.

Máis info: facebook.com/gaelicopontevedra

 

AURIENSE FG – MECOS FG

Na derradeira xornada da primeira volta, o equipo masculino de Auriense fixo valer a boa xeira de resultados, ca súa terceira victoria consecutiva e converténdose nos campións de inverno. O partido disputado no campo na Universidade ás 16:30h ante o Mecos prometía ser trepidante. Lembremos que este equipo ven de disfrutar dunha tempada na Primeira División. A primeira metade, que comezou con moito ritmo por parte dos locais e con moitas dificultades na saída do balón por parte dos do Grove, rematou con lixeira vantaxe no marcado para o equipo da cidade áurea.

Na segunda metade Mecos saiu con novos folgos e foi capaz de acurtar distancias até situarse a un punto de diferenza. Os derradeiros minutos desenvolvéronse con emoción, con 2 e 3 puntos de vantaxe para Auriense e con Mecos tentando acurtar distancias. Finalmente, o partido rematou cun marcador final de 3-12 (21) / 2-11 (17).

Máis info: auriensefg.wordpress.com

 

ESTRELA VERMELHA FG – IRMANDINH@S A ESTRADA

O equipo compostelán sufre unha derrota en categoría feminina nun partido dominado polo equipo visitante dende os inicios. A definición da equipa dirixida por Paula Castro pesou moito nas locais que non foron capaces de aproveitar as súas ocasións. As Irmandinhas continúan a súa xeira ascendente con unha melloría notable no seu xogo dende o comezo da Liga e regresan aos postos altos. O Estrela agarda poder ver froitos ao bo xogo amosado en algunhas fases dos partidos e mellorar a definición para voltar a reencontrarse coa vitoria. O resultado final do encontro foi de 1-10 (13) / 5-17 (32).

A continuación daba comezo un dos partidos mais agardados da tempada: o Estrela vs Irmandinhos. O equipo de Jerry visitaba o campo do Sergas na procura da súa primeira vitoria en Terras de Compostela e afianzarse no liderado da Liga Galega. O partido comezou cun intercambio de puntos por ambos equipos. A continuación un gol de Diego Dieguez desequilibraba a balanza a favor do Estrela, retirándose os composteláns ao descanso cunha vantaxe de 4 puntos. Na segunda parte, os Irmandinhos foron quen de reducir distancia situándose preto da igualada no marcador pero os estreleiros non baixaron a intensidade e conseguiron que a vitoria ficase na casa, cun resultado de 1-11 (14) / 0-12 (12).

Máis info: facebook.com/estrela.vermelha.71