Crónicas das xornadas 11 e 12

IRMANDINHAS – KELTOI [X.11]

As Irmandinhas suman unha nova vitoria fronte ao Keltoi Vigo.

Os primeiros intres foron de dominio visitante, que grazas a un gol temperá, poñía en apuros ás Irmandinhas nun partido clave para seguir optando ás primeiras posicións. Pouco a pouco, as estradenses foron meténdose no partido, logo de varias saídas de Eva co balón controlado dende a defensa para anotar; así como un gol de Candela que volvía metelas na loita polos puntos.

Xa na segunda metade, as Keltoi apertaron o marcador rompendo as liñas e aproveitando as faltas preto da área para anotar a tanto; pero as Irmandinhas xestionaron ben a vantaxe adquirida no primeiro tempo para rematar gañando por 6-08 (26) / 2-11 (17).

Máis info: irmandinhos.com

 

MECAS – IRMANDINHAS

As Irmandinhas desprazábanse ata o Grove para enfrontarse ás Mecas F.G., nun intento de ambas por sumar dous puntos que lles permitiran manterse na loita polas primeiras posicións. Un encontro moi intenso de principio a fin, con dúas expulsións e que se decantou polo número de goles.

Os primeiros 25 minutos amosaron o que sería a dinámica de todo o encontro: as recuperacións no medio do campo por parte de ambos equipos logo do saque de porta permitían que o encontro estivera moi igualado. Mentres as locais afinaban puntería no tiro a paus e atopaban coa boa actuación de Marina como gardameta; as Irmandinhas chegaban ata a meta de Muchi en ocasións claras. As saídas co balón dende a defensa de Eva permitían ás estradenses colocar o esférico na liña de tiro onde Candela e Lucía aproveitaron para facer dano. Chegábase ao descanso con unha marxe moi curta para as de Mon.

Os derradeiros minutos do encontro foron os máis intensos: a expulsión de Candela e de Sandra deixaba a ambos equipos cunha xogadora menos en diferentes intres da segunda metade. Ningún dos dous equipos foi quen de aproveitar a superioridade numérica para poñer o marcador ao favor, polo que os goles determinaron ao vencedor ao final dos 50 minutos.

O resultado final foi de 1-06 (9) / 4-04 (16) para as estradenses.

Máis info: facebook.com/mecasfg

 

BRAITHREACHAS – KELTOI

Pasadas as sete da tarde tiña lugar no Manuel Regueiro o partido da Xornada XI da Segunda División Masculina que enfrontaba aos Braithreachas contra Keltoi Vigo.

Os primeiros minutos foron de dominio visitante. Keltoi entraba ao encontro máis activo, chegando a ter unha vantaxe de tres puntos sobre os estradenses nada máis comezar. A reacción local sucedeuse a partires do minuto 10 da primeira metade; cando os saques longos de Álex dende a meta eran recollidos na cuarta e quinta liña, dominando esta zona e gozando de acerto no tiro. A presión dos Braithreachas comezaba a ser máis intensa, tanto que dous tiros ao pau de Sergio e Carlos así como varias ocasións claras de tiro a paus serían do mellor da primeira metade para os locais. Ao final da primeira metade, varios erros defensivos dos de Lucas achegaban aos vigueses ao marcador antes do descanso.

Xa nos seguintes 30 minutos, Keltoi volta comezar máis metido no encontro aproveitando o desaxuste no centro do campo dos estradenses; onde recuperarían varios balóns para poñer a diferenza en só un par de puntos. Sucederíanse as ocasións para ambos conxuntos pero os visitantes poñerían o marcador ao seu favor con dous goles; que xunto coas ocasións perdoadas na primeira metade e logo dunha segunda parte moi igualada, deixaba o resultado nun axustado 4-05 (17) / 2-12 (18) para Keltoi.

Máis info: irmandinhos.com

 

DORNA – AURIENSE

O reinicio na competición de ambos equipos tras o parón do Nadal enfrontaba a dous dos favoritos acadar o primeiro posto a final de tempada. Resulta sen dúbida, a estas alturas da competición, un dos partidos máis atractivos da tempada, dada a progresión de ambos conxuntos.

O encontro databa o seu comezo ás 20:00 na fría noite da Illa. Comezaba con gran intensidade pola parte visitante, xogándose os primeiros 10 minutos no campo do Dorna, o que permitiu un parcial de 1-8, anulando o tiro a paus dos da Illa. Tras un titubeante inicio local, estes reaccionaron e lograron igualar a contenda ao chegar ao tempo de lecer, tendo lugar un partido moi parello a partires de entón. A dinámica mantívose na segunda metade, cun pulso constante entre ambos equipos, tanto en goles como en tiros a paus. Finalmente, o acerto do equipo das Burgas nas contras e a súa seguridade defensiva serviron para lograr dous puntos decisivos para a victoria, que semellan un punto de inflexión nesta Segunda División Masculina na antesala do remate da primeira volta. O resultado final foi de 5-07 (22) / 6-05 (23).

Máis info: facebook.com/dorna.fg

 

CAMBADOS – MECOS

Este sábado 14 de xaneiro disputouse o primeiro derbi da tempada para o Cambados F.G., que o enfrontou ós Mecos F.G. do Grove no campo municipal do Pombal. A pesar dunha temperatura que animaba a pouco, un bo número de siareiros acudiron ó campo a presenciar o partido ás 9 da noite.

O conxunto local comezou ben o partido, dando a cara e impedindo que os Mecos conseguiran facer tanto facilmente. Os quince primeiros minutos foron un tanteo constante onde os Mecos tiraron varias veces a porta sen efectividade. O Cambados non se arrugou e conseguiu poñerse no marcador 2-1, grazas aos tiros a paus. De aí en diante, o conxunto grovense converteuse en amo e dono do partido, o que lle valeu para acabar a primeira parte cunha vantaxe de 7 puntos que amosou as claras aspiracións que teñen de ascender á primeira categoría do fútbol gaélico galego.

A segunda parte do partido segueu sendo un monólogo dos Mecos, que aproveitaron a inexperiencia e o cansancio do conxunto local para poñer un marcador final de 1-04 (7) / 2-22 (28).

Ao remate do partido sucedéronse as felicitacións no campo e o agradecemento dos dous conxuntos ó público pola súa presenza a pesar do clima tan desapacible. Tras isto, rematouse a xornada co tradicional terceiro tempo na praza de Alfredo Brañas para culminar outro bo día de fútbol gaélico.

Máis info: facebook.com/cambadosgaelico

 

AURIENSE – FILLAS DE BREOGÁN

O domingo enfrontaba no Campo da Universidade de Ourense ás locais, Auriense F.G., cun rival de entidade: Fillas de Breogán, o conxunto que está disposto a revalidar o título de liga acadado a pasada tempada. O encontro comezaba ás 18:00 nunha fría tarde de domingo na cidade das Burgas. Os primeiros compases do encontro foron de tanteo, con dúas equipas que se querían facer co dominio do marcador e do xogo. Co paso dos minutos Fillas demostrou por qué foron as totais dominadoras da tempada pasada e convertiron o 3-6 inicial nun 6-18 no tempo de descanso. Na segunda metade as locais mantiveron un bo nivel competitivo, que aínda así non sería suficiente para parar a un equipo cuxa efectividade no ataque e calidade na defensa anularía os intentos de sorpresa do equipo áureo, deixando o definitivo 1-10 (13) / 4-19 (31).

Máis info: auriensefg.wordpress.com

 

KELTOI – PONTEVEDRA

O equipo feminino de Keltoi enfrontábase a un dos favorito para o título ao tenor do visto estas primeiras xornadas: o Pontevedra. Pese a plantar cara a un dos mellores equipos da liga na primeira parte, na segunda parte a superioridade física fixo mella. O duelo na cidade olívica rematou cun resultado que non reflicte o igualado do encontro: Keltoi Vigo 2-12(18) / 10-18 (48) Pontevedra Fútbol Gaélico.

Máis info: facebook.com/keltoivigo

 

HERDEIR@S DE DHAIS – ESTRELA VERMELHA

Noite fría no Manuel Anxo Cortizo para recibir os equipos de Herdeiros de Dhais F.G e Estrela Vermelha F.G. nos partidos aprazados correspondentes a primeira xornada da 1º División da liga masculina e da liga feminina. O partido masculino transcorreu cunha primeira parte igualada na que o maior acerto cara a paus foi por parte dos santiagueses, o cal lles permitiu chegar ao descanso cunha vantaxe de dous puntos respecto ao equipo local. Na segunda parte os locais saíron fríos e encaixaron cinco puntos nos primeiros minutos que romperon o partido. Os minutos foron pasando con intercambios de poder, pero o partido xa estaba decidido. O resultado final foi de Herdeiros De Dhais F.G. 1-05 (8) / 2-12 (18) Estrela Vermelha F.G.

Por outra parte, no partido feminino, ambos equipos partían con unhas plantillas curtas en número, polo que o aguante físico ía ser clave. As Herdeiras de Dhais contaban con importantes baixas no seu sete inicial, aínda así, as menos habituais deron a talla contra un correoso equipo como é o de Compostela. O partido foi igualado en todo momento, as Herdeiras foron sempre por diante no marcador grazas aos goles de Antía e Nercellas, pero seguidas de preto sempre no marcador polo Estrela, que con varios goles e afectividade de Vane cara a paus nunca lle perderon a cara ao partido. Na segunda parte Estrela Vermelha saeu ao campo con moita forza, o que fixo que, unido á lesión de Miriam na defensa lalinense, se achegaran no marcador. Nun final intenso as Herdeiras conseguiron aguantar o empuxe do Estrela lavándose o partido por un axustado resultado final de Herdeiras De Dhais F.G. 3-16 (25) / 4-10 (22) Estrela Vermelha F.G.

Máis info: facebook.com/Herdeiros-De-Dhais-FG-764554916986214