Calendario tempada 2016/17

Publicado o calendario ca programación das competicións da tempada 2016/17. A Asociación da a benvida a dous novos clubes que competirán representando a cadansúas comarcas: o Cambados F.G. máis o Terras do Eume F.G.

A Liga Galega masculina estrutúrase de novo en 2 divisións. En primeira división repiten Estrela Vermelha, vixente campión, Irmandinhos A Estrada, Fillos de Breogán e Pontevedra, que a pesar da derrota no partido pola permanencia, consegue manter a categoría debido á incorporación dos novos equipos. A estes súmanse Ártabros de Oleiros, campión da segunda división, e Herdeiros de Dhais, gañador da promoción.

En segunda división masculina atopamos aos descendidos directos Mecos F.G. xunto con Braithreachas A Estrada (equipo filial de Irmandinhos), Dorna, Keltoi GAC e Auriense, así como aos novos clubes Cambados e Terras do Eume.

A Liga Galega feminina segue formada por unha única división, pero cun lixeiro cambio: os 9 equipos contendentes este ano xogarán unha primeira volta todas contra todas para logo dividirse en dous grupos. Estes grupos enfrontarán aos equipos que finalizaron 1º a 5º entre sí e 6º a 9º entre sí, de onde se sacará a clasificación final. Este ano repiten Fillas de Breogán, actuais campionas, Irmandinhas A Estrada, Estrela Vermelha, Pontevedra F.G., Mecas, Auriense e Ártabras, ademáis de incorporarse as seccións femininas de Keltoi GAC e Herdeiras de Dhais. Lamentablemente, as baixas na Estrada impediron a continuidade do equipo feminino de Braithreachas.

A Copa Galega está programada para o 6 de maio, nunha sede aínda por confirmar, e a final ibérica cunha data proposta do 3 de xuño (pendente de decisión por parte de Iberia). Este ano a Liga Galega e a Copa Galega serán as que establezan aqueles clasificados para a final ibérica, que volverán ser 3 equipos masculinos e 4 femininos.

Podes seguir a clasificación e os resultados de todos os partidos nesta páxina.

calendario-2016-17-1 calendario-2016-17-2 calendario-2016-17-3